Créditos
O proxecto A poética do código O ecosistema dos Ximnasios Quen somos e como a fixemos? |
O proxecto
Esta aplicación naceu como un proxecto docente dentro das aulas de lingua e cultura galegas no Romanisches Seminar da Universität Heidelberg. Ao abeiro desta institución, o Galicien Zentrum (adscrito ao Heidelberg Centrum für Ibero-Amerika-Studien) leva máis de 30 anos desenvolvendo as súas actividades sobre Estudos Galegos nas áreas de Filoloxía Románica e de Tradutoloxía.
Cada inicio de curso, entre todo o alumnado sempre propomos un proxecto que vai ser o punto central, a partir do cal se vai desenvolver todo o semestre. Polo xeral, centrabámonos na tradución literaria, subtitulación, artigos para a Wikipedia, pequenas reportaxes para radio, entrevistas por Skype con algún autor ou autora que se lese en clase, teatro por Twitter, publicación dos traballos de clase ou o uso da banda deseñada para contar historias, entre outras moitos. Con todo, desta vez decidimos ir máis alá no noso proxecto de curso.
A medida que o debate sobre o que se faría ía avanzando, tamén ían aparecendo as pedras que tiñan no camiño para aprender galego. Case por unanimidade, os rapaces e rapazas sinalaron a fonte de todo mal: os verbos irregulares e de alternancia vocálica. Por fortuna, esta ansiedade sempre se lograba calmar, cando descubrían que non había tempos compostos en galego. De súpeto a nosa procura chegou o seu momento eureka: sería posible transformar a aprendizaxe dos verbos irregulares e de alternancia do galego?
Despois de lle dar ao caletre, cal foi a proposta que atopamos? Pois construir unha aplicación móbil que axudase a outras persoas a aprender dun xeito divertido e eficaz estes verbos do demo. Sería un ximnasio onde se puidese adestrar e pór en forma os verbos en galego, antes de saír á rúa para falar.
A poética do código
d
O ecosistema dos Ximnasios
Isto non é máis cunha pinga de auga no océano dixital. Trátase dunha proposta aberta, un convite para que entre nós poidamos construír un ecosistema de aplicacións que facilite a aprendizaxe da lingua galega e, asemade, crear unha comunidade viva que vaia definindo o seu contido, sen fiar en retóricas baleiras. Piares básicos van ser os lectorados, pero tamén o mundo educativo e a sociedade civil galega. Ao fin e ao cabo, non se pode estar á espera de Godot eternamente.
Para que isto non quede nunha intención idealista, imos pór a disposición de todo o mundo o repositorio desta aplicación en GitHub. Non é nada do outro mundo, pero é un punto de inicio.
Quen somos e como a fixemos?
As persoas que argallarmos esta aplicación fomos Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González. Deseñamos e programamos o Ximnasio de Verbos cos seguintes materiais:- A base web está elaborada a partir de Forty (HTML5 UP) baixo licenza Creative Commons Atribución 3.0.
- A programación da aplicación para Android fixémola coa axuda de Cordova Apache e PhoneGap.
- As actividades fixéronse coa axuda de Hot Potatoes e EducaPlay.
- Os verbos de alternancia vocálica e irregulares compiláronse a partir da reelaboración das seguintes bases de datos:
- Conshuga do grupo ProLNat da USC.
- Diccionario Cumio dos verbos galegos (1993) de Ramón Nicolás.
- Diccionario de verbos galegos Laverca (2002) feito por Manuel González González, Carmen García Mateo, Eduardo Rodríguez Banga e Elisa Fernández Rei.
- Dicionario da Real Academia Galega [versión electrónica].
- Dicionario Digalego [versión electrónica].
- Dicionário Estraviz [versión electrónica].
- Morfoloxía flexiva verbal do galego en DATR do Seminario de Lingüística Informática da UVigo.
- Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego (2014), feito por Xavier Gómez Guinovart e Xosé Antonio Fernández Salgado.
No que se refire á vertente lingüística e didáctica da aplicación, utilizamos a seguinte bibliografía:
- Álvarez, Rosario, Xosé Luís Regueira Fernández e Henrique Monteagudo (1986). Gramática Galega. Vigo: Galaxia.
- Álvarez, Rosario e Xosé Xove (2002). Gramática da lingua galega. Vigo: Galaxia.
- Bugarín López, María Xesús (2007). O galego fundamental. Dicionario de frecuencias. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
- Gómez Guinovart e Xosé Antonio Fernández Salgado (2014). Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego. Vigo: Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
- González González, Manuel; Carmen García Mateo; Eduardo Rodríguez Banga e Elisa Fernández Rei (2002). Diccionario de verbos galegos Laverca. Vigo: Xerais.