Como atopar o xeito?

1. Camiño a fume de carozo 🚀
Que trucos hai para aprendelos máis axiña?
Déixate levar! O desafío da marfallada
2. Camiño paseniño 🚶
Que son os verbos de alternancia vocálica?
Como os podo identificar?
Que conxugacións son as afectadas?
En que persoas se dan as mudanzas?
Cales son as vogais que se mudan?

Que son os verbos de alternancia vocálica?

Como ben sabes, en galego hai dous tipos de verbos: os regulares e os irregulares. Non obstante, hai outro tipo de verbos que andan a cabalo entre os verbos regulares e irregulares: son os de alternancia vocálica (para abreviar usaremos AV).
Este tipo de verbos tan só teñen algunhas mudanzas no Presente de Indicativo. En concreto, modifícase a vogal da base verbal nalgunhas persoas, pero o resto queda igual.
Acórdaste do que é unha base verbal? Éche ben sinxelo: é o elemento fundamental a partir do cal se constrúe todos os tempos e persoas dun determinado verbo.
Vexamos uns exemplos, para que quede máis claro:

Base verbal Terminación

Fal

ar

Com

er

Viv

ir

Agora pensa en calquera forma verbal de falar, comer ou vivir: comerei, vivín, falaba. Ves como sempre hai un elemento común a todas as formas verbais? Inda que procures o tempo verbal máis revirado, sempre estará aí. Con todo, ás veces...

Como podo identificar este tipo de verbos?

A clave está na base do verbo. Nalgunhas persoas do presente de indicativo, a vogal da base verbal muda, pero o resto queda igual.
Xa ves que antes che contei unha trola (non moi grande) 😇 : a base do verbo non sempre é igual en todos os tempos verbais. Hai uns casos (non moitos, así que non te preocupes).

Para que te decates das diferenzas entre un verbo regular e un de alternancia vocálica (AV), vexamos un caso concreto para comparalos:

Presente de indicativo

Verbo regular: falar Verbo de AV: subir
Eu Falo Subo
Ti Falas Sɔbes
El, ela, vostede Fala Sɔbe
Nós Falamos Subimos
Vós Falades Subides
Eles, elas, vostedes Falan Sɔben

Ollo ao piollo!

Dúas cousas que tes que lembrar:
  • A base verbal está en amarelo.
  • O ɔ en azul marca a modificación da vogal da base do verbo e tamén que se trata dun o aberto.

Como xa sabes, en galego haiche sete vogais: /a/, /e/, /ɛ/, /i/, /o/, /ɔ/, /u/. Así que as alteracións da vogal da base do verbo tamén poden ser entre unha vogal aberta e a súa correspondente pechada.
Non te lembras como se pronuncian as abertas e pechadas? Pois dálle aquí enriba e soluciona as túas dúbidas.

Que conxugacións son as afectadas?

Esta é unha pregunta sinxela. Pero antes de nada, tes que lembrar que en galego hai tres conxugacións:

1ª conxugación
Son todos os verbos rematados en -ar
2ª conxugación
Son todos os verbos rematados en -er
3ª conxugación
Son todos os verbos rematados en -ir
Como podes observar nos exemplos empregados ata o de agora (subir, repetir, durmir,...), todos rematan en -ir. Así que, na 3ª conxugación é onde están boa parte destes verbos con cambios vocálicos.

Por outra banda, tamén hai mudanzas nos verbos da 1ª e 2ª conxugación. Con todo, se inda estás a comezar o teu camiño co galego ou queres ir pouco a pouco, recomendaríache que primeiro entrenases os verbos da 3ª conxugación.

En que persoas se dan as mudanzas?

Pois depende :-D! Non é por amolar, ou! Simplemente hai varias posibilidades.

Primeira posibilidade:
e persoa de singular e persoa do plural (Presente de Indicativo):

Durmir

Singular

Plural

Durmo Durmimos
Dɔrmes Durmides
Dɔrme Dɔrmen

Segunda posibilidade:
, e persoa de singular e persoa do plural (Presente de Indicativo):

Repetir

Singular

Plural

Repito Repetimos
Repites Repetides
Repite Repiten

Se te fixas nas formas que debuxan os cambios parecen unhas catiúscas. Ben poderiamos chamar aos verbos de alternacia vocálicas, os verbos catiúsca.

Para niveis avanzados
No caso dos verbos da e 2ª conxugación, tamén existen cambios parecidos nas mesmas persoas: ou ben a , e do singular e do plural, ou ben, e 3ª persoa do singular e persoa do plural.

Cales son as vogais que se mudan?

Imos facer isto de xeito telegráfico. Pero, antes de nos meter en fariña...
un ollo ao piollo previo
Non te lembras de como soan as sete vogais en galego? Pois vai aquí para recordalas, xa que son moi importantes para comprender as mudanzas que se dan neste tipo de verbos.

Verbos da 3ª conxugación (+ numeroso)

1º caso: alternancia i - ɛ - e
Mentir
Minto Mentimos
Mɛntes Mentides
Mɛnte Mɛnten
2º caso: alternancia i - e
Competir
Compito Competimos
Compites Competides
Compite Compiten
3º caso: alternancia u - ɔ
Fuxir
Fuxo Fuximos
Fɔxes Fuxides
Fɔxe Fɔxen

Como sucedía coas persoas, aquí temos outra vez os verbos catiúsca: haiche algúns que son máis altos e outros menos.

Aviso cos verbos da 1ª e 2ª conxugación

Diríache que o que che vou contar agora é xa para niveis moi avanzados. Así que, se inda estás comenzando o teu camiño co galego, mellor deixalo para cando teñas asimilado os verbos de alternancia vocálica da 3ª conxugación.
Como vas ver a continuación, apareceran outra vez os verbos catiúsca.

Verbos da 1ª conxugación (-ar)
alternancia /ɛ - e/ /ɔ - o/

Neste caso, as mudanzas danse na , e 3ª persoa do singular e 3ª persoa do plural.

Modelo levar /ɛ - e/
Presente de Indicativo
lɛvo, lɛvas, lɛva, levamos, levades, lɛvan
Presente de Subxuntivo
lɛve, lɛves, lɛve, levemos, levedes, lɛven
Modelo xogar /ɔ - o/
Presente de Indicativo
xɔgo, xɔgas, xɔga, xogamos, xogades, xɔgan
Presente de Subxuntivo
xɔgue, xɔgues, xɔgue, xoguemos, xoguedes, xɔguen
Outros verbos que seguen os mesmos modelos:

Existen excepcións?
Pois si. Hai moitos exemplos en que todos os tempos verbais só teñen o o pechado ou o e pechado. Ademais, en moitas ocasións, varían segundo a zona dialectal.

Verbos da 2ª conxugación (-er)
alternancia /ɛ - e/ /ɔ - o/

Neste caso, as mudanzas danse na e 3ª persoa do singular e 3ª persoa do plural.

Modelo beber
Presente de Indicativo
bebo, bɛbes, bɛbes, bebemos, bebedes, bɛben
Modelo comer
Presente de Indicativo
como, cɔmes, cɔmes, comemos, comedes, cɔmen
Existen algunhas excepcións?
Pois si. Os verbos crer, deber (e derivados), ler, sobreser e ver teñen en todas as súas formas verbais un e pechado (/e/).
Pola contra, tamén hai unha serie de verbos que sempre teñen un /ɛ/ aberto: querer, quecer, esquecer e poder.

Que trucos hai para aprendelos máis axiña?

Haiche, haiche, por sorte. Inda que tamén existen excepcións aos trucos que che vou propor.
Dende logo, cando aprendes unha lingua, o demo son sempre os verbos irregulares ou con certas modificacións na base do verbo, como os verbos de alternancia vocálica. Non podes escapar deles, xa que son moi usados, pero non te preocupes que conseguirás domalos cos trucos que che vou dicir 💪.
Non lles hai que ter medo. Vas ver que os cambios debuxan unha catiúsca. Ben os poderiamos chamar verbos catiúsca. Serven para nos meter en pozas cando os usamos (e non os dominamos moito), pero tamén nos protexen das meteduras de zoca, cando xa os temos asimilados 😂.

Cales son as preguntas máis frecuentes sobre os verbos de alternancia vocálica?

Que conxugacións son as afectadas?
Principalmente, os verbos da 3ª conxugación, pero tamén se dá na e 2ª conxugación
Que tempos verbais son os afectados?
Son o Presente de Indicativo, maioritariamente, pero tamén se pode dar no Presente de Subxuntivo
En que persoas se dan as mudanzas?
· , e 3ª persoa do singular e
3ª persoa do plural
· e 3ª persoa do singular e
3ª persoa do plural
(+ Info)
Cales son as vogais que se mudan?
3ª conxugación
· alternancia i - ɛ - e (ex. mentir,sentir)
· alternancia i - e (ex. vestir, preferir)
· alternancia u - ɔ (ex. subir, descubrir)

Nivel avanzado
1ª conxugación
· alternancia ɛ - e (ex. levar)
· alternancia ɔ - o(ex. contar)
2ª conxugación
· alternancia ɛ - e (ex. beber)
· alternancia ɔ - o (ex. comer)

Os verbos que queremos adestrar son os da 3ª conxugación (-ir). Neles imos centrar o teu esforzo. Para iso, xuntarei en tres grupos seguindo as modificacións da vogal da base do verbo. Así, cada un destes tres grupos terá un verbo que actuará como modelo para conxugar o resto dos verbos .

Modelo servir | alternancia i - ɛ - e

Sirvo Servimos
Sɛrves Servides
Sɛrve Sɛrven

Outros verbos que seguen este modelo: ferir (e o seu derivado malferir), mentir (e o seu derivado desmentir), sentir (e os seus derivados asentir, consentir, disentir, presentir, resentir) e seguir (e os seus derivados conseguir, perseguir, proseguir e subseguir).

Como isto non só é teoria, vas pór en práctica o aprendido no seguinte xogo.

Muscula os teus verbos

Modelo pedir | alternancia i - e

Pido Pedimos
Pides Pedides
Pide Piden

Outros verbos que seguen este modelo: adherir, advertir, aferir, agredir, arrepentir, comedir, competir, concernir, conferir, deferir, desapedir, descomedir, desempedernir, despedir, diferir, discernir, divertir, dixerir, enxerir, espelir, espir, expedir, impedir, inferir, inserir, interferir, inxerir, medir, preferir, preterir, proferir, referir, reflectir, reexpedir, repetir, suxerir, transferir, transgredir, vestir (e os seus derivados desrevestir, desvestir, investir, reinvestir, revestir e travestir),

Imos continuar cos exercicios de quecemento para continuar o adestramento dos teus verbos.

Muscula os teus verbos

Modelo subir | alternancia u - ɔ

Subo Subimos
Sɔbes Subides
Sɔbe Sɔben

Outros verbos que seguen este modelo: acudir, bulir (e o seu derivado rebulir), cubrir e os seus derivados (acubrir, descubrir, encubrir, recubrir, redescubrir), conxunguir cumprir (no significado de é necesario), cuspir, desurdir, durmir, engulir, fundir (no sentido de render), fuxir, lucir e os seus derivados (deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir (e os seus derivados consumir ou ensumir), tusir, ulir, urdir, xunguir (e o seu derivado desxunguir), xurdir (e o seu derivado rexurdir).

A fase de quecemento xa vai chegar ao seu fin. Agora viras o corpo, manten as costas rectas e...

Muscula os teus verbos

Déixate levar! O desafío da marfallada

Como o levas? Xa te cansas de tanto verbo ou tanta mudanza? Estou seguro de que melloraches un mundo.
Para que te decates do moito que sabes e da axilidade que tes con estes verbos, vou propoñerche un último desafío: a marfallada de verbos. Imos xuntar todos os diferentes modelos de verbos nun mesmo exercicio. Así podes comprobar como vai o teu adestramento. Moita sorte 💪.

Marfallada de verbos